O luns ás 8 da tarde tivo lugar no local de Terra Galega de Narón, en Santa Icía, unha xuntanza dos membros do Comité Local e representantes municipais de Terra Galega cos veciños afectados polo plan de Vivenda da Xunta de Galicia na parroquia de Piñeiros.Esta xuntanza á que asistiron máis de 70 veciños e veciñas afectados serviu de primeira toma de contacto de Terra Galega cos mesmos trala grande alarma causada na veciñanza por este proxecto da Xunta presentado de costas non só ao concello senón tamén aos propios afectados. No transcurso da mesma o Concelleiro de Urbanismo, Xosé Manuel Blanco, informou aos veciños de que tanto os servizo técnico de urbanismo coma o xurídico están a traballar na elaboración de informes para poder presentar as correspondentes alegacións ante a Consellería de Vivenda, alegacións que se faran tanto a través do Concello como facilintando aos veciños todo o necesario para que as poidan presentar de xeito individual.
A continuación o Alcalde de Narón, Xoán Gato , tratou de tranquilizar aos veciños dicíndolles: “durmide tranquilos que o concello vai defender aos veciños ata o final; iremos ata onde haxa que ir, á Xustiza se é necesario”. Esta afirmación, trouxo algo de acougo aos afectados, sobre todo aos máis maiores, que afirmaban que levaban máis dunha semana “ sen pegar ollo” polo medo a quedarse sen casa e sen terreos polos que traballaran toda a vida.
Xoán Gato explicoulles tamén sobre un plano a zona na que o Plan de Urbanismo Municipal prevé a expansión do concello ata cumplimentar a zona urbana de Narón, e onde si se podería levar a cabo a actuación da Xunta, estes terreos son os situados nas enfrente á Nave de Servizos, en Freixeiro, nas inmediacións do asentamente xitano, e díxolles que esta zona fora descartada pola Consellería sen dar motivo algún. Por último, tanto os responsables municipais como o Comité Local de TEGA quedaron comprometidos a levar a cabo dúas actuacións de caráctere político-informativo vencelladas ás medidas legais que pensan tomar dende o concello; por un lado o alcalde comprometeuse á convocatoria dun Pleno Extraordinaio para tratar este tema no que quere que todos os partidos da Corporación se pronuncien ao respecto: “queremos saber se os partidos que gobernan na Xunta, especialmente o BNG ao que pertence a Consellería de Vivenda, están cos veciños de Narón ou cos seus xefes de Santiago”; tamén se comprometeu a manter unha xuntanza no Local Social de Piñeiros cara finais de mes, unha vez que teñan no seu poder os informes dos técnicos municipais.
No turno de preguntas os veciños amosaron o seu malestar polo oscurantismo co que a Consellería levou a cabo o proxecto así como a prepotencia na súa presentación por parte dos responsables da mesma xunto cos concelleiros do BNG de Narón. Asemade, pediron tanto ao Alcalde coma ao concellerio de Urbanismo que traballen con rapidez para solucionar o máis axiña posible un problema que nos últimos días ten alterados a todos os veciños, especialmente á xente maior. Co compromiso de volverse a ver xa cos informes técnicos nunha próxima xuntanza en Piñeiros, e cunha nova mensaxe de tranquilidade tanto de Xoán Gato coma do concelleiro Xosé Manuel Blanco, os afectados marcharon da xuntanza esperanzados en que isto se solucione axiña.
Dende o Comité Local de Terra Galega queremos amosar unha vez máis o noso compromiso na defensa dos intereses dos veciños de Piñeiros, e facerlles chegar o noso apoio e o do grupo municipal de Terra Galega de Narón.
Dende o Comité Local de Terra Galega queremos amosar unha vez máis o noso compromiso na defensa dos intereses dos veciños de Piñeiros, e facerlles chegar o noso apoio e o do grupo municipal de Terra Galega de Narón.
