Xoán Gato inaugura os almorzos on/off da demarcación de Ferrol do Colexio de Xornalistas de Galicia

Tras o almorzo para colexiados, a rolda de prensa de libre acceso comezará mañá, mércores 19 de novembro, ás 10.30 horas na sede da Fundación Caixa Galicia en Ferrol. Nas vindeiras semanas Terra Galega iniciará un ciclo de charlas coloquio para achegar ós cidadáns de toda a comunidade os seus proxectos e as súas liñas de actuación futuras. Os encontros, que se iniciarán a mediados deste mesmo mes, estarán abertos a máis de 8.000 asistentes en todas as provincias e se celebrarán en centros cívicos, sociais, veciñais ou locais

O coordinador nacional de Terra Galega, Xoán Gato, é o primeiro convidado dos Almorzos On/Off que organiza a demarcación en Ferrol do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Este encontro, que se celebrará na Fundación Caixa Galicia en Ferrol, comezará ás 10.00 horas cun almorzo ó que poderán asistir todos os colexiados que o desexen, mentres que ás 10.30 horas iniciarase unha rolda de prensa aberta a todos os medios de comunicación, na que Xoán Gato adiantará diversos aspectos relacionados coa precampaña do seu partido de cara ás Eleccións Autonómicas, así como cuestións relacionadas coas súas responsabilidades como alcalde de Narón.
Entre as accións que vai levar a cabo Terra Galega nas vindeiras semanas destaca o ciclo de charlas coloquio para achegar ós cidadáns de toda a comunidade os seus proxectos e as súas liñas de actuación futuras. Os encontros, que se iniciarán a mediados este mesmo mes, estarán abertos a máis de 8.000 asistentes en todas as provincias e se celebrarán en centros cívicos, sociais, veciñais ou locais habilitados a tal efecto.

Ferrol será precisamente unha das cidades que acollerán estes encontros, que teñen por obxectivo informar ó electorado sobre todos os retos marcados de cara á próxima lexislatura, ofrecendo a máxima transparencia, polo que foron deseñados dun xeito interactivo. Así, os asistentes poderán realizar todas as preguntas que desexen ós ponentes, que serán membros activos de Terra Galega, encabezados polo seu coordinador xeral e integrados por representantes da Dirección Nacional así como concelleiros de diferentes municipios.

Está previsto celebrar dúas charlas por semana, e ademais de Ferrol elixíronse como puntos de encontro as capitais das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, así como os concellos coruñeses de Arteixo, Fisterra, Carballo, Santiago e A Coruña.