Terra Galega reivindica a creación dun gran Grupo Lácteo liderado pola Xunta, que está a deixar en total abandono ás explotacións gandeiras

Son necesarias medidas urxentes para rescatar ao sector, seriamente ameazado pola actual situación económica e pola súa eterna crise interna agravada pola desidia do Goberno autonómico. O Grupo Lácteo Galego debe concentrar a produción, transformación e distribución do leite e os seus derivados, co fin de garantir un prezo xusto en orixe e evitar a venda de produtos foráneos como produtos locais. +máis

Xoves, 20 de novembro de 2008 .- A Dirección Nacional de Terra Galega quere poñer de manifesto a súa preocupación pola difícil situación que atravesan miles de explotacións gandeiras de toda Galicia. Á profunda e eterna crise neste sector únese agora a actual crise económica, mentres o goberno da Xunta de Galicia, e máis en concreto as Consellerías de Medio Rural, Industria, Presidencia e Vicepresidencia, amosan unha total pasividade que é inadmisible e demostra unha grave irresponsabilidade por parte do executivo autonómico.

Desde Terra Galega reivindicamos a creación dun Grupo Lácteo Galego, polo que teñen avogado nos últimos anos os tres partidos maioritarios no Parlamento galego, pero que nunca chegaron a mostrar interese en crealo cando asumiron tarefas de goberno. Estamos convencidos da viabilidade dun Grupo Lácteo Galego, con capital mixto (Xunta de Galicia, produtores de leite e inversores) capaz de mercar algunha estrutura láctea existente ou crear una estrutura nova.

Sería necesario que este colectivo aglutinara á totalidade ou ó máximo número de gandeiros, co fin de garantir un prezo xusto da leite en orixe e dos seus derivados. Para lograr ese obxectivo, habería que favorecer a comercialización de leite galego cunha denominación de orixe dentro deste grupo, impedindo a distribución do produto local fora do amparo deste colectivo, co cal poderíase acabar coa venda de leite foráneo como leite galego.

Esta nova organización do sector permitiría que o Grupo Lácteo Galego producira, transformara e comercializara case a totalidade do leite galego, coa posibilidade incluso de derivar nun gran Grupo Alimentario Galego, aglutinando a agricultores, produtores de carne, pescadores, mariscadores, adegas de viños, conserveiras, etc.

En calquera caso, desde Terra Galega consideramos que a Xunta de Galicia debe tomar algunha medida xa, e deixar de mirar para outro lado. O goberno autonómico debe ser quen de liderar dunha vez por todas as iniciativas económicas con medidas que, de ter sido tomadas ó seu debido tempo, agora non serían tan urxentes para frear unha situación tan grave.

É responsabilidade do goberno da Xunta crear ferramentas que xeren postos de traballo reais e non investir unicamente en propaganda sen contido, como a campaña “Volve ao rural”, na que se prometían axudas ínfimas para que a xuventude non abandonara o campo, pero sen ofertar alternativas viables ou proxectos sólidos.

Para Terra Galega, o sector agropecuario é de gran importancia dentro da economía do noso país, polo que cremos que non merece o estado de abandono que está a sufrir por parte do Goberno bipartito da Xunta de Galicia.