O portavoz de Terra Galega en Carballo, Manuel Andrade Cristóbal, presentou onte unha solicitude dunha reunión «urxente» dos portavoces dos catro grupos da corporación para debater o plan de obras e servizos do 2009. «Paréceme oportuno que o POS se discuta politicamente, porque son case un millón de euros de investimento», argumentou.Manuel Andrade non quere que o próximo ano suceda o mesmo que este, pois, desde o seu punto de vista, «o POS do 2008 pasa sen pena nin gloria porque non hai ningunha obra destacada. Só dous camiños, dous anacos de rede de sumidoiros e as beirarrúas de Vivente, para as que non teñen o terreo e non sei se se poderán facer». Ademais, considera que o Concello de Carballo realizou «un esforzo de cooperación nulo, porque se limitou a achegar case o mínimo imprescindible».
O portavoz de TeGa asegura que a relación de necesidades é moi extensa, pero avoga, ademais, por «empezar a pensar nas comunicacións entre os núcleos grandes, na rede principal de comunicación interior do concello, que é de competencia municipal, porque as estradas son as mesmas de hai vintecinco ou trinta anos», sinalou.
Para Manuel Andrade hai que ter en conta, ademais, as peticións presentadas polos veciños, das que existe, dixo, un amplo rexistro na casa consistorial. E tamén avoga por incluír «obras singulares» como a ponte da Cheda, en Bértoa; o do Barral, entre Aspaber e Ardaña, ou locais sociais como o de Imende, «que está sen rematar», dixo.
