«Fixemos os deberes e Narón demostrou que é posible lograr a diversificación»

Nun debate organizado pola Voz de Galicia en Ferrolterra. o alcalde de Narón, Xoán Gato, expuxo a experiencia do seu municipio como o enclave que soubo captar os novos sectores emerxentes na comarca e que deu resposta a unha das demandas principais do empresariado, como é a dotación de chan industrial. Lamentou que a falta de unidade na comarca lastre en numerosas etapas o seu crecemento

«Son o alcalde que fixo os deberes». Así se presentaba Xoán Gato Díaz, alcalde de Narón, nunha intervención na que defendeu a xestión realizada nas últimas décadas por conseguir a reindustrialización e a diversificación que se demanda para a comarca. Considera que o caso naronés demostra que «isto é posible», un municipio que conseguiu crear dous millóns de metros cadrados de chan industrial na súa aposta polo capital privado, «que é o que ten que desenvolver unha comarca». «Aquí non se lle pon a alfombra vermella a ningunha empresa, todas teñen o mesmo trato», asegurou remontándose a vinte anos atrás para falar da instalación de Poligal ou a antiga TileStone.
Hoxe, ademais do polígono da Gándara e as catro fases de Río do Pozo ten entre mans a urbanización de 500.000 metros cadrados máis nas Lagoas. «Nós falamos menos e operamos máis», asegurou. «¡Que orgullo que un concello que no 2001 tiña un orzamento de trece millóns de euros poda estar falando de 34 ou 35 millóns para o vindeiro ano!», exclamou. E deste diñeiro, defendeu, «non hai nin un só euro que non teña un destes dous obxectivos: ou creación de emprego ou beneficio social».

O seu enérxico discurso levouno tamén cara á crítica á xestión do municipio ferrolán, así como á da Xunta e á do Goberno central. Así, asegurou que a Sepes embolsouse doce millóns de euros pola venda de parcelas no sector IV do polígono Río do Pozo, o que lle valeu para argumentar: «¿Fai falta tanto conto para sacar adiante o de Leixa? ¡Pero se é un negocio!». Pero para o rexedor naronés «é máis fácil facer un polígono que atraer a un emprendedor que queira arriscar dez millóns de euros para instalarse aquí».

O futuro da comarca depende directamente, sostén, «dun cambio de actitude da cabeceira, de Ferrol», que debe traducirse en que «empece a darse conta de que se acabou a teta do sector público e que hai que pór as condicións para atraer o privado». Neste sentido, profundou asegurando que « Ferrol carece de proxecto de futuro e isto nos condiciona aos demais concellos que si que o temos e que demostramos que é mellor ». No entanto, considera que «hai que facer fronte común» para conseguir que a comarca faga valer os seus intereses en Santiago e en Madrid e ve na recuperación industrial de Ferrolterra «un obxectivo a curto prazo realizable, pero con cambio de política».

Fonte: La Voz de Galicia-Ed.Ferrol 19/11/2008