1º Potenciar a identidade nacional de Galicia, definido o noso país como unha comunidade diferenciada que defenda os nosos intereses históricos, culturais, lingüísticos, económicos en pe de igualdade e equilibrio con outros pobos do Estado español, de Europa e do mundo.
2º Definirse como unha forza política democrática, nacionalista, centrista e progresista que vele pola innovación e modernización de Galicia, adaptándose á nova realidade do país no económico, no social e no cultural.
3º Defensa das liberdades individuais e colectivas nunha sociedade inspirada nos valores da solidariedade e igualdade dos homes e mulleres con todos os dereitos ó traballo, educación, saúde, vivenda, e servicios sociais sen discriminacións ideolóxicas, sexista, racistas ou de calquera outro tipo.
4º Fomentar o vencellamento de Galicia cos seus residentes no exterior, así como cos seus descendentes, e garantir tanto os seus dereitos a manter a súa idiosincrasia como a beneficiarse dos servizos públicos galegos.
5º Outorgar ao sector público galego peso prioritario en aspectos fundamentais para a sociedade galega,como a sanidade e a educación, sen prexuízo da actividade privada que, coas súas iniciativas, como manifestación creadora de riqueza, debe orientarse á consecución dunha orde social máis xusta e solidaria para asegurar a todos os cidadáns unhas condicións de vida dignas.
6º Implantar unha organización administrativa moderna e eficaz baseada no desenvolvemento das áreas metropolitanas, as comarcas naturais e os municipios, así como conseguir unha ordenación do territorio equilibrada, que rompa a actual dicotomía inxusta entre a Galicia urbana e a rural, de comarcas prósperas e pobres que marcan diferenzas que compre superar.
7º Vertebrar unha sociedade de economía produtiva e competitiva, sostible, que incentive o esforzo e a creatividade para xerar riqueza e emprego, consolidando un entorno fiscal e laboral que favoreza novas iniciativas empresariais e da defensa das xustas reivindicacións dos traballadores/as e desenvolvemento das que existen para consolidar e fortalecer o estado do benestar.
8ºAsumir un concepto de ecoloxismo racional, moderno e imaxinativo que harmonice o progreso económico da nosa terra co mantemento da riqueza do medio natural galego e a calidade de vida dos nosos cidadáns e cidadás.
9º Traballar por unha sociedade máis xusta, solidaria e libre entendendo a política como un exercicio de servizo os cidadáns e de respecto os dereitos cívicos, con plena igualdade de homes e mulleres, na que o espírito cívico das xentes, a paz, o desenvolvemento social e económico que contribúa á erradicación da pobreza no mundo e a loita contra o racismo e a xenofobia sexa, entre outros, obxectivos da nosa acción política.
10º TERRA GALEGA é un partido marcadamente municipalista, que no marco da Constitución e do Estatuto de Galicia, está aberto a todos os que vivimos e compartimos esta terra, sen outra condición que a defensa dos intereses de Galicia en todas as circunstancias, disposto a lograr acordos con todas as forzas políticas que sexan congruentes coa solidariedade e cohesión entre todas as comunidades que configuran o Estado español.
